martes, 25 de maio de 2021

Caligramas de Xela Arias

 No día das Letras Galegas deste ano lembramos a Xela Arias, poeta falecida prematuramente que deixou unha obra ben interesante, orixinal e diferente, rachando moldes na busca sempre de novos camiños por explorar. Conmemorando a súa figura, o alumnado de 1º BACH e de 1º ESO realizou unha recreación dos seus poemas en forma de caligramas, cuns resultados dunha calidade artística rechamante. Aquí podedes ver a exposición nos taboleiros do Club de Letras e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que outorgou premios aos mellores traballos.





luns, 24 de maio de 2021

Obradoiro de teatro

Os días 3 e 10 de maio Sabela Ramos de Artestudio, ofreceunos dúas sesións dun obradoiro de teatro para podermos mellorar a escenificación da nosa obriña de teatro de monicreques sobre a Coruña dos coidados. Traballamos a voz, a expresión, o manexo dos monicreques, a xestualidade, e aprendemos mil cousas grazas a Sabela, que tivo moooita paciencia connosco. Moitísimas grazas!



































martes, 18 de maio de 2021

Roteiro dos coidados da memoria e a cultura de noso

 

O martes 11 de maio o Club de Letras do Eusebio realizou unha saída a Santiago de Compostela para visitar diferentes lugares que xogan un importante papel no coidado da nosa memoria colectiva e do patrimonio cultural. No itinerario previsto tiñamos pensado, ademais de visitar os museos, realizar un percorrido polas rúas da cidade e polos monumentos que teñen que ver cos coidados, como o Hostal dos Reis Católicos ou a catedral, e pola tarde coñecer a casa museo de Rosalía de Castro en Padrón. Mais a pandemia impediunos entrar en Padrón e o tempo imposibilitou o percorrido a pé. No seu lugar estivemos no parque de Belvís, non veu nada mal ese tempo de lecer despois de visitar o MUPEGA e o Museo do Pobo Galego.  

No MUPEGA fixemos un interesante percorrido polas aulas desde os anos 50 á actualidade e vimos a exposición "Homo Sapiens, transmisor de coñecemento".













No Museo do Pobo Galego chamounos a atención poderosamente a escaleira central, de forma helicoidal, e preparáronnos un xogo de pistas que nos levou a descubrir os segredos das diferentes salas onde se gardan mostras da cultura do noso pobo, cultura do mar, da terra, da música e o canto...





No precioso parque de Belvís xogamos un anaco antes de xantar aproveitando que non chovía, coidando así do noso corpo, aínda que o chan estaba bastante enchoupado... E despois fomos xantar a un centro comercial.















Xantamos moi ben e botamos a tarde na Cidade da Cultura, onde vimos dúas interesantísimas exposicións, unha sobre o antigo Exipto e outra sobre a obra de Isaac Díaz Pardo e do seu pai, Camilo Díaz Valiño. A profesora Paula Cadaveira explicounos a historia de como se planificou e edificou a Cidade da Cultura, en forma de cuncha, como Santiago!
























E como non, acabamos a excursión cantando ao entrarmos na Coruña "Vivir na Coruña que bonito é!". Cans@s, felices de volver e desexando repetir. Ata a próxima!


Neste vídeo realizado por Elisa Vidal Prego de 1º ESO A pódese ver o ben que o pasamos neste día.






  

"A Coruña dos coidados", a nosa peza teatral para todos e todas vós!

Por fin, despois de moito traballo, rematamos a gravación da obriña de teatro "A Coruña dos coidados". Fainos moitísima ilusión of...