xoves, 29 de abril de 2021

Roteiro pola Coruña dos coidados

O luns 26 de abril o Club de Letras do Eusebio saíu de roteiro pola Coruña vella, polo corazón da nosa cidade, rendendo homenaxe a esas persoas coidadoras que hoxe dan nomes ás rúas da súa parte máis moderna e lembrando todo o ben que fixeron pola cidadanía. Acompañados por Ana Torres, Laura Veiga e Dulce Fernández, e respectando todas as indicacións de seguridade, doce alumnos e alumnas percorreron a cidade aprendendo con sabias explicacións de voluntarios/as acompañantes. Comezamos no IES Eusebio da Guarda coa explicación da exprofesora do instituto Charo Soto, sobre como a arcada do claustro do Hospital da Caridade, acabou trasladándose á parte posterior do noso instituto, onde hoxe serve de base ao edificio de Riazor. Interveu tamén Xurxo Souto, que quixo acompañarnos todo o traxecto animando o percorrido. Explicounos que ao longo de Xoana de Vega estaban as murallas que cercaban a cidade, e a zona da praza de Pontevedra era chamada o Caramanchón e quedaba fóra dese orixinario núcleo urbano.







Emprendemos logo camino cara á rúa Hospital, así denominada por estar situado nela o primeiro hospital da Coruña. Foi fundado por iniciativa de Teresa Herrera para axudar ás mulleres e nenos que nesa altura do século XVIII morrían vítimas da fame e as enfermedades ao verse desamparados. Unha recente escultura de Isabel Zendal, que foi reitora da institución, adorna o lugar e alí deixamos un ramo de flores como homenaxe ao seu labor. Profesorado e alumnado lembramos a súa figura e tamén a de Teresa Herrera e Xoana de Vega como fundadora e colaboradora da institución respectivamente; Antón No e Lucas Castro leron textos conmemorativos da novela de María Solar Os nenos da varíola, onde se relata como os nenos do Hospital da Coruña formaron parte da expedición Balmis para levar a vacina da varíola a América e así salvaron miles de vidas.





Continuamos cara á praza de María Pita, deténdonos brevemente na rúa Cordonería onde viviu Teresa Herrera, na igrexa de San Nicolás á cal de dirixía de xeonllos cada día para pregar polos doentes, e así chegamos á praza. Diante da estatua, Noa Rivera realizou a lectura poética de “María das batallas”, poema de Lorenzo Varela no cal se destaca a valentía e decisión da defensora da Coruña, outra boa coidadora da cidade.



Subindo cara á cidade alta, detivémonos na RAG e Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, para subliñar o coidado da lingua levado a cabo pola primeira institución e a defensa dos dereitos das mulleres realizada pola Condesa. Dedicámoslles con cariño o poema ”A Fala” de Eduardo Pondal, recitado por Sara Maceiras.

Proseguimos ruta ata as casas de Rosalía de Castro e Francisca Herrera Garrido, situadas unha ao pé da outra na rúa do Príncipe. Alí Lola Sousa e Inés Martínez recitaron poemas das dúas escritoras, veciñas e amigas: “Negra sombra” de Rosalía de Castro e “Ao meu benquerido afillado” de Francisca Herrera Garrido, coidadoras da lingua, da alma e do cariño familiar.

Seguimos subindo ata o Xardín de San Carlos e a tumba de Sir John Moore, outro coidador e defensor da cidade. Desde alí ubicamos a rúa Isabel Zendal, o Hospital Abente e Lago, o Museo Arqueolóxico que coida e garda a nosa memoria antropolóxica, e as murallas que defenderon e coidaron da cidade durante séculos. Elisa Vidal leunos un fragmento de “N’a tomba de Sir John Moore”, de Rosalía de Castro, para honrar este escocés valeroso.


Descansamos un anaquiño e comezamos a baixada polo paseo do Parrote; polo camiño paramos diante da porta do Arquivo do Reino de Galicia, onde se coida da nosa memoria documental, e cantamos "Vivir na Coruña, que bonito é" na porta exterior do Arquivo. Xurxo contounos que antes era a porta da capela do gremio dos mariñeiros, derrubada para construír a capela de San Andrés. Aínda se lle poden ver os peixes todo arredor do arco.




Chegamos á escultura en homenaxe aos nenos da varíola e Isabel Zendal e lemos a praca conmemorativa da partida da expedición Balmis. Ademais Luis García Acebes dedicoulles a lectura dun fragmento do artigo xornalístico de A. Garci publicado en Entre nós diario en xaneiro de 2021, que relata a partida dese mesmo porto da Coruña, da fragata María Pita cos nenos do Hospital da Caridade, Isabel Zendal, Balmis e Salvany, levando a vacina salvadora polo mundo enteiro. A ela e a eles deixámoslles unhas flores en recoñecemento dos seus coidados e entrega.


Xa no camiño de volta, nos xardíns de Méndez Núñez, por falta de tempo non foi posible lerlles os poemas que tiñamos preparados ás esculturas en homenaxe a Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Eduardo Pondal. Mais foi parada obrigada o monumento a Curros Enríquez realizado por Asorey; Pablo Tomé recitou o seu sentido poema “A Rosalía”, onde Curros mostra o aprecio, a devoción e a admiración que sentía pola poeta, e agasallámoslle as nosas últimas flores.


Volvimos pola rúa Xoana de Vega, pasando moi preto de Rosalía de Castro, Teresa Herrera, Médico Rodríguez... e chegamos de novo ao instituto. Fin do traxecto e despedida coa intervención de Isabel Ruso que nos ilustrou sobre Eusebio da Guarda e Modesta Goicouría, coidadores do espírito e da educación dos coruñeses e coruñesas que ata o día de hoxe nos beneficiamos das súas obras no noso día a día, xeración tras xeración, por moitos anos.

Texto Dulce Fernández Graña

Fotografías Ana Torres Jack e Dulce Fernández Graña




Ningún comentario:

Publicar un comentario

"A Coruña dos coidados", a nosa peza teatral para todos e todas vós!

Por fin, despois de moito traballo, rematamos a gravación da obriña de teatro "A Coruña dos coidados". Fainos moitísima ilusión of...