martes, 1 de decembro de 2020

Actividade a tope co Club de Letras! Entrevistas a maiores

 Estas últimas sesións do noso Club de Letras foron ben produtivas. Rematamos o filme Arrugas baseado na BD Engurras, triste e entrañable, gustou moito a todo o grupo. Imos rematando as entrevistas aos nosos maiores e, como non! Temos uns identificadores moi chulos para que todo o mundo saiba que somos os  e as xornalistas do Club de Letras do Eusebio!




Resumimos as entrevistas en varios artigos, aquí tedes unhas mostras:

O AVÓ DE LUCAS

Meu avó Adelino naceu en 1944, o 25 de maio. En 1962 tiña 18 anos e vivía en Villagómez la Nueva, provincia de Valladolid. Gustáballe xogar á buxaina e ao frontón. O seu actor preferido era Alfredo Landa, e o antante, Camilo Sesto. Quería ser pastor de ovellas e conseguino aos 14 ou 15 anos. Tiña boas lembranzas dos seus pais, eran boas persoas. Lembra que seu pai era gracioso e a nai cariñosa. Con Pompeyo, o seu mellor amigo, unha vez roubaron unha colleita de allos! Gustáballe xogar ao pinche cravando un pau no chan, e á tilana, cun anaco de tea enroscada. Recorda con alegría unha anécdota duns ovos que acabaron no chan cando facía a mili, e con tristura a cornada que lle deu unha vaca e os oito puntos que lle deron sen anestesia. Por ese accidente non puido facer a comuñón cando estaba previsto. Foi moi bo mozo e tiña unha moza en cada lugar.

Meu avó Adelino deume un bo consello: nunca fagas mal a ninguén.

Lucas Castro Cano 2º ESO A

A AVOA DE PABLO

A miña avoa fixo estudos superiores, ata a tese de doutoramento. No seu tempo libre cando era pequena gustáballe ler e xogar na rúa. O seu actor preferido era Paul Newman, e o grupo de música que máis lle gustaba, o Dúo Dinámico. Pregunteille que quería ser de maior, e se o conseguira, e respondeume que sempre quixera ser cirurxiá pero non o conseguiu porque o seu pai non a deixou ir estudar a Santiago. Lembra que seu pai e súa nai eran simpáticos, traballadores e moi esixentes. A súa mellor amiga chamábase Constanza. Pasaban moitas tardes xuntas e no verán ían á praia. Un día perdéronse e dixeron os seus nomes polos altofalantes. Xogaban á mariola, ácomba, ás bonecas, aos papás e mamás. Recordos alegres son os do día da graduación na Universidade, a súa voda... pero lembranzas tristes son as mortes da súa irmá e da súa nai.

Miña avoa deume un bo consello: as situacións difíciles é mellor afrontalas cun sorriso, aínda que sexa falso.

Pablo Tomé 1º ESO A

A VECIÑA DE MIRIAM

A miña veciña naceu nun lugar chamado Lobeira, en Ourense, o 22 de setembro de 1948. Ten estudos básicos e de pequena gustáballe xogar á corda, á Mariola, ás agachadas… Non tiña actor ningún preferido, e como cantantes, gustábanlle Juan Pardo e Serrat. Gustáballe ser mestra, e en certo modo, conseguiuno. Seu pai era un home de campo, rudo e moi traballador, pero non moi cariñoso. A súa nai si que o era, contoume que sempre a comía a bicos. A súa mellor amiga era Lidi, sempre xogaba a asustala e ela non o aturaba. Sempre estábamos a subir ás árbores. Xogabamos ás agachadas, ao pilla-pilla, á Mariola, a que Xan dilla… Un recordo alegre é que un día estaba estudando coa súa tía un poema sobre un nariz (o de Góngora). Empezaron a falar de narices e a tía, que era moi seria, botouse a rir canda ela. Un recordo triste foi a morte do seu avó. Pregunteille se estaba celosa de alguén por ter máis cousas ca ela e respondeume que non, porque grazas ao seu tío tiña de todo, xoguetes, roupa… Tamén lle preguntei que se puidese cambiar algo da súa vida que cambiaría, e díxome que estudaría máis.

Deume un bo consello: “Non fagas coma min, estuda, sé moi alegre e obedece á túa nai.”

Miriam Ntahokutari Martínez 1º ESO A


Ningún comentario:

Publicar un comentario

"A Coruña dos coidados", a nosa peza teatral para todos e todas vós!

Por fin, despois de moito traballo, rematamos a gravación da obriña de teatro "A Coruña dos coidados". Fainos moitísima ilusión of...